Wednesday 08 de May de 2024

O Partido Popular de Arzúa solicita ao Concello de Arzúa que arranxe as pistas impracticables da parroquia de Vilantime, empregadas por maquinaria pesada, en especial da que constrúe a autovía A-54.


• Reclamamos do goberno local que non confunda aos veciños e asuma o mantemento das pistas da parcelaria por ser da súa titularidade.

Logo de visitar o Partido Popular de Arzúa a zona de concentración parcelaria Vilantime Visantoña, o mesmo solicita ao goberno local que arranxen con urxencia aquelas pistas que están impracticables, froito do uso de maquinaria pesada.

Esta concentración, que abrangue os concellos de Arzúa e Santiso, está aínda pendente de finalizar, pero as vías principais e secundarias xa foron entregadas pola Consellería do Medio Rural ao Concello de Arzúa, sendo este último o responsable do mantemento do seu estado.
Sen embargo, segundo Rafael Rivadulla, voceiro do grupo municipal popular, “a versión do goberno bipartito AxA-PSdeG, é que non é da súa responsabilidade, e descargan na Consellería do Medio Rural o seu mantemento, cousa que non corresponde ao ser titular o Concello”.

Dende o Partido Popular de Arzúa vimos de solicitar ao goberno local que actúe para poder empregar os veciños da parroquia de Vilantime aquelas pistas de terra que, co paso de maquinaria pesada, como a da madeira e, en especial, as das obras autovía A-54, quedan inutilizadas, en especial os días de choiva.

Entendemos que aínda que o Concello non é culpable da degradación das vías, si é o responsable para arranxar aquelas que quedan inutilizadas, ou cando menos solicitar doutras administracións, que poñan remedio, como o caso do Ministerio de Transportes, polas obras na A-54.